• Os tecnólogos proporcionarán un total de 25 aeroxeradores, que suman unha potencia de 65 MW.

Gas Natural Fenosa Renovables adxudicou aos tecnólogos Enercon e Siemens a subministración dos 25 aeroxeradores que instalará nos parques eólicos que está a promover nas Illas Canarias e que foron inscritos na Cota do Ministerio de Enerxía. A multinacional enerxética foi a empresa que maior participación logrou nesta Cota, cun total de 13 instalacións en Gran Canaria e Fuerteventura que suman unha potencia de 65 megavatios (MW).

Gas Natural Fenosa Renovables realizou un proceso de licitación para a subministración dos aeroxeradores e para a súa operación e mantemento posterior, e adxudicou os traballos a Enercon, que subministrará 16 aeroxeradores (37 MW) para 10 proxectos, e a Siemens, a quen lle corresponden nove aeroxeradores (28 MW) para os tres proxectos restantes.

En varios dos parques eólicos instalaranse distintos modelos de aeroxeradores, cunha potencia que varía entre os 2 e os 3,2 MW e un diámetro de rotor entre 70 e 113 metros. Algúns destes modelos nunca se instalaran no arquipélago e incorporan as máis modernas tecnoloxías e innovacións para este tipo de máquinas, especialmente deseñadas para operar en sistemas eléctricos illados como o canario.

Unha vez postos en marcha, os parques integraranse, a través de distintos sistemas informáticos e de telecomunicacións, á xestión do Despacho de Operación e Xestión de Enerxía de Gas Natural Fenosa Renovables, o que permitirá operalos de forma remota e aplicar avanzados modelos de predición e participación nos distintos mercados de electricidade, optimizando a seguridade de funcionamento e a colocación de toda a enerxía que produzan ao longo da súa vida útil.

Construción dos parques

Gas Natural Fenosa Renovables iniciou xa a construción dos cinco primeiros parques, situados no termo grancanario de Agüimes: La Vaquería, Montaña Perros, Triquivijate, Doramas e Haría. Os parques xerarán en torno a 175 postos de traballo directos durante a súa construción.

Os proxectos inscritos por Gas Natural Fenosa Renovables teñen un investimento asociado de preto de 100 millóns de euros. Estas infraestruturas contribuirán a reducir en tres millóns de toneladas a emisión de gases contaminantes nas Illas Canarias e permitirán un aforro de 345 millóns de euros no custo de produción de enerxía eléctrica durante os 20 anos que teñen de vida media este tipo de instalacións.

Gas Natural Fenosa Renovables

Gas Natural Fenosa Renovables conta actualmente en España cunha potencia instalada en operación de 1.147 MW, dos que 979 MW corresponden a parques eólicos; 110 MW, a centrais minihidráulicas; 57 MW, a plantas de coxeración, e 1 MW a plantas fotovoltaicas.

As Palmas de Gran Canaria, 29 de decembro de 2016.