• A fotógrafa e videoartista finlandesa Eija-Liisa Ahtila abrirá en abril a destacada axenda de exposicións, que se completará ao longo do ano coa primeira mostra en España da americana Maude Schuyler, a do fotógrafo Pablo Genovés, a mostra colectiva dos artistas subvencionados do MAC e, finalmente, a ampla exposición de Lita Cabellut.
  • Paralelamente, o Museo deseñou unha ampla oferta de actividades para 2017, que inclúe cursos, talleres, ciclos de música e coleccionismo, cine, fotografía, moda, etc. e seguirá consolidando os seus programas de apoio ao sector cultural e creativo de Galicia.

O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) presentou hoxe a súa ampla programación expositiva e cultural para 2017, que inclúe este ano catro grandes exposicións individuais de artistas recoñecidos a nivel internacional -Eija-Liisa Ahtila, Maude Schuyler, Pablo Genovés e Lita Cabellut- e a mostra colectiva dos tres artistas galegos que se beneficiaron das Bolsas de Creación Artística no estranxeiro en 2015.

O programa do MAC para 2017 trae a España por primeira vez exposicións completas de dúas das fotógrafas máis relevantes a nivel internacional, como Eija-Liisa Ahtila, premiada na 51º Bienal de Venecia e gañadora dun Vincent Award, e Maude Schuyler Clay, cuxas fotografías apareceron en prestixiosas publicacións como Esquire, Fortune ou Vanity Fair e forman parte das coleccións do Museo de Arte Moderna, o Museo de Belas Artes de Houston e o Museo Nacional das Mulleres nas Artes. Tamén inclúe exposicións de dous artistas españois de gran prestixio e fama internacional: Pablo Genovés e Lita Cabellut.

O programa anual complétase cunha variada e suxestiva oferta de actividades para todos os públicos, que tratarán áreas tan diversas como a fotografía, a literatura, a cociña, a danza, as técnicas artísticas ou a ilustración. Durante a presentación, a directora do MAC, Carmen Fernández Rivera, resaltou que o Museo intenta manter sempre na súa programación “o equilibrio entre os grandes nomes da arte contemporánea actual e os talentos emerxentes”.

A axenda de exposicións inaugurouse a finais do mes de xaneiro coa mostra colectiva Velar e Desvelar, que recolle as obras dos 17 artistas que participaron nos anos 2015 e 2016 no Programa de Residencias Artísticas internacionais e locais do MAC. A mostra, que estará aberta ao público ata o próximo 23 de abril, conta cunha selección de obras de diferentes formatos, temáticas e xéneros, así como coa participación de artistas de Canadá, Chile, Arxentina, Portugal e España.

O próximo 27 de abril inaugúrase Ecology of drama, a primeira exposición completa en España da videoartista finlandesa Eija-Liisa Ahtila, unha das artistas máis recoñecidas internacionalmente. A mostra, que inclúe cinco videoinstalaciones, unha serie fotográfica, unha serie de debuxos e unha obra inédita, ten como tema principal a natureza.

O MAC traerá en maio á recoñecida fotógrafa americana Maude Schuyle Clay, que expoñerá por primeira vez en España e por segunda en Europa. As súas fotografías apareceron en prestixiosas publicacións como Esquire, Fortune ou Vanity Fair. A mostra Mississippi history, comisariada polo belga Alain D'Hoogue, recolle centos de imaxes do seu Delta natal, descubríndonos a súa visión da xente, a arquitectura e as paisaxes do Mississippi.

O mes de setembro traerá a Coruña Las mutaciones polifónicas do fotógrafo Pablo Genovés, un dos fotógrafos españois de maior recoñecemento internacional. Gran coñecedor da historia da fotografía, o seu proceso de traballo iníciase coa apropiación de antigas imaxes en branco e negro sobre as que intervén para crear efectos de gran potencia plástica. O concepto da exposición será unha breve historia da representación das catástrofes naturais, non só no ámbito da arte senón tamén no da ilustración científica. Violencias naturais fronte a violencias humanas.

A esperada exposición de Lita Cabellut, Testimonio, inaugúrase a finais de outubro. Dende a súa primeira exposición en 1978, a obra de Cabellut foi exposta en todo o mundo, e agora chega a Galicia. A artista trata de sacudir a conciencia do espectador pintando os perdedores da sociedade, xente solitaria e sen voz. A artista é capaz de ver o sufrimento mesmo nos que aparentemente triunfaron na vida. Máis alá dos seus traballos e técnicas máis recoñecidas, Cabellut é unha artista multidisciplinar que traballa con óleo sobre lenzo, debuxos en papel, escultura, fotografía, poesía, poemas visuais e vídeos.

A programación expositiva do MAC traerá ademais en xuño a mostra colectiva dos artistas galegos Ruth Montiel, Federico Vladimir Strate Pezdirc e Alberto Gracia, que se beneficiaron das Bolsas de Creación Artística no Estranxeiro 2015. Suráfrica, Perú, Chile, Arxentina, Irlanda e Marrocos foron os destinos elixidos polos tres novos artistas bolseiros, que optaron por desenvolver a súa creación artística nestes importantes centros mundiais de renovación da arte.

Variada oferta de actividades e consolidación dos programas de apoio a creadores

As propostas expositivas acompañaranse dun completo e variado programa de actividades dirixidas a públicos diversos, que inclúen case un centenar de cursos e talleres, ademais dos xa habituais ciclos de conferencias, literatura, moda, cine e música.

Este ano, como novidade, o MAC organiza o ciclo de conferencias El museo imaginario, protagonizado polos escritores Valentín Roma, Carlos e María Virginia Jaua (publicados pola editorial independente Periférica, Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial do Ministerio de Cultura), e que pretende abordar, dende a óptica persoal destes autores, a obra doutros escritores e artistas de gran relevancia aínda que, nalgúns casos, case secretos. Trátase pois dunha relectura da Historia da Arte e da cultura en xeral, que abre a porta ao pensamento e a grandes temas filosóficos.

Por outra banda, o MAC seguirá este ano consolidando os seus programas de apoio ao sector cultural e creativo de Galicia con novas convocatorias das Residencias artísticas locais e internacionais.

O MAC tamén desenvolve, na súa propia sede, un Programa Escolar de Educación Artística para colexios e institutos, e dende a súa posta en marcha no 2005 contou coa participación de máis de 75.000 alumnos, procedentes de centros de infantil, primaria e secundaria de toda Galicia. Durante o pasado curso escolar, foron preto de 9.000 alumnos os que participaron nos distintos proxectos didácticos na sede do Museo na Coruña. O programa, inspirado nas exposicións temporais e os fondos da Colección, e desenvolvido polo seu propio equipo de educadores, ofrece a grupos de alumnos unha inmersión nas novas linguaxes artísticas a través de talleres.

Cómpre salientar tamén a ampla actividade do MAC no campo da acción social, cun singular programa de participación social a través da arte contemporánea. Esta iniciativa, pioneira no noso país, ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional e persoas en situación de illamento social mediante alternativas de ocio saudable a través da arte e a súa experimentación. No 2016, foron preto de 5.100 os beneficiarios do programa de acción social do MAC.

 

A Coruña, 16 de febreiro de 2017.

Informe de Prensa

  Programación MAC 2017 (PDF 5 Mb)

Imaxes

Obra da artista Elija-Liisa Ahtila.